miércoles, 28 de mayo de 2014

O TEATRO NO IES RIBEIRA DO LOURO, EXCELENCIA EDUCATIVA

Desde hai varios anos o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro leva desenvolvendo a actividade de teatro, coordinada polo profesor Delio García Represas .Este ano participaron nun contrato-programa para acadar a excelencia educativa.

No ano 2014 puxeron en escena as seguintes obras:


O REI NU de Quico Cadaval e Cándido Pazó
Extraordinaria versión teatral do conto escrito polo autor danés Hans Christian Andersen. Tanto a narración como a peza de teatro fálannos da hipocrisía que se move ao redor dos ámbitos de poder e de que non ten por que ser verdade aquilo que todo o mundo pensa que o é.

EDIPO REI, de Sófocles
Os nosos estudantes atrévense con esta obra cume da literatura dramática. Escrita hai 2500 anos, esta traxedia grega fálanos, en primeiro lugar, da forza do destino: por moito que nos esforcemos na vida, hai elementos que non podemos controlar; e, en segundo lugar, da búsqueda da verdade por parte do gobernante a pesar dos riscos que para el iso poida supor: Edipo é o paradigma de gobernante honesto que inicia unha investigación sen volta atrás para descubrir o responsable dun crime. Isto vaille acarrexar consecuencias funestas, pero a cambio, a comunidade na que vive pódese salvar. Toda unha lección nestes tempos de corrupción política e económica.

CRIATURAS de Roberto Vidal Bolaño
O noso alumnado de 1º de Bacharelato representa un retrinco desta comedia negra, na que o mito de Frankenstein se traslada á sociedade actual. Nela, o monstro (a criatura) vaise cruzando con persoas que en moitos aspectos son máis raras ca el e que carecen de toda ética.

Parabéns a todo o elenco!

No hay comentarios: